Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta reúne ao persoal do dispositivo de extinción de incendios forestais de Bergantiños-Costa da Morte en accións de formación para mellorar a eficacia na loita contra o lume


O obxectivo das xornadas é mellorar a capacitación do persoal a través dunha serie de relatorios e postas en común de experiencias sobre temas actuais da defensa contra os incendios

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou está mañá, na Casa de Cultura de Vimianzo, nas III Xornadas Provinciais de Formación á que asistiron brigadistas forestais, axentes, técnicos, condutores de motobombas, emisoristas e vixilantes de distritos forestais da Xunta de Galicia que participarán na campaña deste ano na loita contra incendios. O obxectivo da xuntanza foi incrementar o nivel formativo dos participantes e realizar un intercambio de experiencias sobre incendios que permita mellorar a eficacia e seguridade na extinción dos lumes.

Insistiu na importancia deste tipo de xornadas porque permiten facer balance de campañas anteriores e seguir avanzando en medidas que melloren a coordinación e a eficacia cando se producen incendios forestais. Ademais, recalcou a importancia da prevención como peza clave para reducir os danos medioambientais dos incendios e apelou a importancia de concienciar os cidadáns, cada vez máis, de que se extremen as precaucións e se faga un esforzo especial para ter os montes limpos, especialmente nas franxas de protección das vivendas. “É un esforzo importante para todos, recalcou o delegado, pero o que está en xogo é a seguridade das persoas”.

Nesta liña, puxo en valor o acordo entre a Consellería de Medio Rural, Seaga e a FEGAMP para a protección das aldeas, que está dotado con 28 millóns de euros de fondos da Xunta en catro anos. “Temos case 200 concellos que solicitaron a adhesión a este convenio pero é necesario que todos os que faltan se incorporen, porque ter as contornas dos pobos limpos é o maior garante contra os incendios”.

“Outra das claves na prevención, recalcou Ovidio Rodeiro, é concienciar á xente da importancia que ten denunciar calquera indicio que se detecte de posibles incendiarios porque impedir que os nosos montes ardan é responsabilidade de todos”. Neste senso, incidiu no novo servizo telefónico que se porá en marcha de cara a época de alto risco para fomentar a colaboración cidadá 900 815 085.

O delegado territorial tamén informou sobre os cursos que ten previsto impartir, ao longo deste mes de xuño, a Consellería de Medio Rural. En concreto, na nosa provincia se impartirán cursos de actualización para brigadistas en materia de procedementos e seguridade nos incendios forestais, cursos de actualización en materia de procedementos e seguridade nos incendios forestais para directores técnicos de extinción, cursos de emisoristas e cursos de condución e de motobomba. “Nas diferentes edicións destes cursos formaremos a máis de 500 persoas co obxectivo de mellorar a eficacia á hora de loitar contra a lacra dos incendios forestais”, finalizou Ovidio Rodeiro.